O Concello de Tui informou de que as obras do parque infantil e biosaudable de Areas, que suporán un investimento de 53.495 euros grazas ao finanzamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, comezarán nas próximas semanas. A empresa Activa Parques y Jardines foi a adxudicataria dos traballos, que durarán un mes.
A actuación realizarase nunha parcela de titularidade municipal de 6.654 metros cadrados en Areas que ampliará os usos actuais pero poderá seguir empregándose como recinto das festas parroquiais.
Para a realización destas obras dende o Concello mantiveron múltiples conversas cos representantes de distintos colectivos da parroquia para dar solución así as necesidades propostas. O resultado será un lugar de encontro social, para todas as idades, que se conxugará coa practica deportiva.
O obxectivo é lograr un parque que poida ter un uso continuado durante todo o ano. Por unha parte construirase un parque infantil inclusivo e biosaudable baixo a carballeira, destinado a nenos de distintas idades e capacidades así como por adultos. Recuperaranse algúns dos xogos existentes coma un tobogán, un resorte e un bambán que recibirán un tratamento protector e se instalarán outros novos coma un bambán inclusivo, unha rede tridimensional de escalada, un teléfono, unhas campás, unha casiña e pasos de pedra. Búscase estimular a imaxinación mediante o uso de xogos sinxelos con formas elementais e abstractas, construíndo espazos abertos á fantasía. Tamén se creará unha nova zona de biosaudables cun timón ou roda de ombreiro, un elemento para exercitar a cintura, un ciclo-pedal que fai funcións de bicicleta estática.
Amais, será rehabilitado o pavimento da pista polideportiva, substituiranse os taboleiros das canastras por uns novos, renovarase a estrutura metálica de canastras e porterías, e se instalarán dúas columnas de aceiro corten con catro proxectores LED que permitirán a práctica deportiva ao longo de toda a xornada. Outra das actuacións contempladas é a plantación dunha fileira de árbores que proporcionarán sombra no verán, ocultarán as vistas da estrada, e mitigarán o ruído do tráfico. e suavicen a transición entre esta vía e o parque.
Tamén se colocará novo mobiliario urbano onde destacan bancos de deseño con forma de casiñas, bancos de madeira, unha papeleira ‘ecopunto’ para a recollida de orgánicos, recollida selectiva e depósito de pillas, unha fonte con deseño inclusivo, e aparcamento de bicicletas
A concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, sinala nesta actuación apostouse pola inclusión “cunha nova filosofía que até agora non primaba neste tipo de proxectos en Tui, un espazo de todos e para todos”. Engade que o Concello de Tui aposta por “un cambio na concepción destes espazos de esparexemento social, pretendendo converterse en espazos integradores, onde teñan cabida todos os cidadáns sen ningún tipo de distinción”.
Do mesmo xeito, avanza que esta filosofía “vai continuar no resto de proxectos de reforma doutros parques que se irán acometendo”. Por último á concelleira Yolanda Rodríguez foi un chamamento á cidadanía a “facer un uso responsable destas instalacións, isto debe ser un traballo conxunto, da cidadanía e da administración local, para que poidan manterse nas mellores condicións posibles ao longo do tempo”.