Un axente da Policía Local de Tui recibiu este mércores o resultado da proba de coronavirus, que ofreceu un resultado positivo. O traballador municipal comezou a atoparse mal o pasado venres e tras acudir o sábado ao médico quedou xa illado no seu domicilio.
Tras recibir o resultado positivo no test, o Concello de Tui activou o protocolo establecido seguindo as recomendacións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e solicitou a proba do Covid-19 para os doce membros da Policía Local e para o persoal que estivo en contacto co axente infectado. Ademais, procedeuse a desinfectar tanto o interior das instalacións da Policía Local coma os accesos e os coches patrulla.
“Dende o Concello de Tui deséxaselle unha pronta recuperación ao axente que está illado no seu domicilio, ao tempo que se quere recoñecer unha vez máis o labor que a diario realizan tanto a Policía Local, coma os membros das outras forzas de seguridade, de Protección Civil, dos Servizos Sociais, e os sanitarios”, sinala o consistorio nun comunicado.