A Deputación de Pontevedra abre este luns, 25 de abril, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa ‘Voando nas Rías Baixas’, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 8 de maio, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do Parque Natural Monte Aloia, no concello de Tui. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse xa na páxina web da Deputación.
O Parque Natural Monte Aloia integrado ao sur da Serra do Galiñeiro, hoxe é un área recreativa con sendeiros e regatos que discorren entre árbores caducifolias autóctonas, bosques de ribeira e antigas repoboacións de arborado exótico. No ano 1987 foi declarado Parque Natural, converténdose así no primeiro de Galicia.
Esta ruta, que se realiza por primeira vez, é unha camiñada localizada nun lugar idóneo para observar paxariños forestais coma o xirín, a papuxa das amoras, o ferreiriño azul, o xílgaro común, o picafollas ibérico, o verderolo común ou o peto de dorso branco, entre outros, ademais das aves rapaces que ocupan esta contorna.
A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as persoas participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas.
Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.
Resto de actividades
Despois desta terceira ruta, o resto continuará a partir do mes de xuño, coa camiñada polas Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei) o día 19, coas inscricións abertas desde o día 6 de xuño, mentres que 10 de xullo celebrarase a actividade na Serra do Suído (Cotobade – A Lama -Beariz – Fornelos – Covelo), na que as persoas interesadas poderán apuntase dende o día 27 de xuño.
A penúltima das actividades terá lugar o 6 de novembro na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 24 de outubro. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 18 de decembro coa ruta pola Desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio – Pontevedra). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse dende o 5 de decembro.