Volven as ‘DepoAndainas’ pola provincia de Pontevedra. A Deputación porá en marcha este domingo, 22 de agosto, a terceira destas rutas gratuítas programadas para este verán, coas que a institución provincial quere fomentar o deporte e os hábitos saudables ao tempo que dá a coñecer á cidadanía a contorna natural e cultural da provincia. Esta nova iniciativa achegará ás 170 persoas participantes á comarca do Condado e, máis concretamente ao concello de Mondariz, ao transcorrer pola senda do río Tea.
A ruta, que arrancará ás 10.00 horas desde a praia fluvial do Val, desenvolverase con todos os protocolos de seguridade por mor da Covid-19, e as persoas participantes poderán gozar dos camiños e das praias fluviais do río Tea ao seu paso polo concello con esta camiñada circular, de dificultade media e dun total de 14 quilómetros.
Doutra banda, o vindeiro luns 23 de agosto abrirase o prazo de inscrición para a cuarta e última das ‘DepoAndainas’ programadas este ano, que percorrerá o 12 de setembro a senda azul do río Verdugo, no Concello de Ponte Caldelas, que parte da praia da Calzada. As persoas interesadas poderán inscribirse con prazo ata o 6 de setembro completando o formulario que terán á súa disposición na páxina web da Deputación (www.depo.gal). Ao igual que nas anteriores rutas, haberá un total de 200 prazas.