Así, procederase á instalación de novas estación meteorolóxicas en Mondariz, O Porriño, As Neves e Baiona; vila esta última na que tamén se instalarán os paneis informativos. Aínda que Mondariz xa conta cunha estación na zona de Queimadelos, o resto de localidades carecen a día de hoxe deste servizo.
Os novos dispositivos ampliarán a actual rede, composta por mais de 150 aparatos ao longo da xeografía galega; para o seguimento meteorolóxico, a detección de fenómenos adversos meteorolóxicos, a elaboración da predición meteorolóxica e fines climáticos e agrometeorolóxicos.
Estas están dotadas con sensores de velocidade e dirección do vento, humidade, presión, choiva, temperatura exterior e tamén temperatura no interior do chan e sobre o chan (a 10 cm de profundidade e a 10 de altura sobre o solo).
A previsión é iniciar nos próximos días a súa instalación, traballos que rematarán a finais deste mes, e a partir dese momento os datos estarán dispoñibles a tempo real na páxina web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.es) e tamén na aplicación móbil de MeteoGalicia.
Asemade, outra liña de actuación da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático céntrase na instalación e posta en marcha de pantallas dixitais, co fin de mellorar a información á poboación no eido da calidade do aire e a meteoroloxía. Estes dispositivos tamén permiten a facer públicos outras cuestións de interese para a cidadanía, como os avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos sobre a calidade do aire.
Estas pantallas, co-financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, serán instaladas e postas en funcionamento en varias cidades e pobos de Galicia, en distintos puntos de interese da nosa Comunidade.
A información que proporcionarán as pantallas será específica para o lugar pero tamén para o tipo de localización, diferenciando a información de interese segundo a zona -costa (temperatura da auga, ondas, mareas…) ou interior- e estación cálida ou fría -será diferente no verán e no inverno- e haberá un apartado especial dedicado aos avisos meteorolóxicos e de calidade do aire.