A actuación foi financiada ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos. Así, en total, a Deputación de Pontevedra achegou ao concello de Mondariz 529.962,31 euros que serviu para reordenar o espazo dos dous campos de fútbol, de herba natural e sintética. Construíuse un gran módulo para albergar os vestiarios e servizos, unha cafetería acristalada con vistas ao terreo de xogo, un espazo de lavandería, despachos e unha pasarela cuberta para conectar co graderío. Ademais, executáronse unhas balsas ecolóxicas para a depuración da auga, unha solución que vai na liña da aposta da Deputación de Pontevedra pola sustentabilidade.
Durante a inauguración, na que tamén participaron o deputado provincial Gregorio Agís e os concelleiros José Luis Fernández, Leopoldo Tato e Ánxeles Carballo, Carmela Silva destacou que a cidadanía debe ter os mesmos dereitos viva onde viva. “A xente comeza a estar un pouco cansa de que se fale de que hai tomar decisións para frear o despoboamento do interior, pero que logo non se fagan cousas para que as veciñas e os veciños poidan quedar no territorio“. “O despoboamento“, continuou, “combátese dándolle á veciñanza servizos de calidade“.
A presidenta da Deputación destacou o valor do deporte, “que é algo máis que unha simple actividade humana porque, ademais de educar en valores, serve para que todas e todos traballemos en equipo”. Silva agradeceu o traballo das sucesivas directivas do Mondariz C.F., “xente que, sen nada a cambio, dedica moitas horas da súa vida ao ben común” e destacou tamén a presencia feminina, tanto na actual directiva, como nas anteriores, mesmo unha delas presidida por unha muller, como Sandra González.A p
residenta Silva cualificou a renovación do complexo deportivo da Lagoa como “unha obra de 10” e adiantou que a Deputación ten vontade de seguir colaborando cos concellos da provincia con novos plans, “para que os concellos, que son os que mellor coñecen as necesidades, poidan facer máis obras como esta, financiada co Plan de Reequilibrio”.
Finalmente, quixo aplaudir a presencia no acto non só das anteriores directivas do Mondariz C.F, que cumpre 100 anos en poucos meses, senón tamén do anterior alcalde. “Os políticos temos que querer aos nosos pobos tanto se estamos gobernando, como se estamos na oposición ou xa fóra da actividade política, así que o que vexo aquí hoxe fala moi ben de Mondariz”.
O actual alcalde, Xosé Emilio Barros, comezou agradecendo o traballo de tódalas directivas do club e felicitou expresamente á Deputación de Pontevedra. “Esta é unha obra que xustifícase por si soa”, subliñou. “A Deputación fixo un esforzo importante e investiu moitos cartos, pero a presidenta pode marchar de aquí coa satisfacción do traballo ben feito”. O presidente do Mondariz C.F., José Manuel Vicente, pola súa banda destacou que o club conta agora cunhas magníficas instalacións para os deportistas, “pero tamén para as familias, que poden gozar duns equipamentos de calidade”. Todo elo, engadiu, anima á directiva a continuar “con moita máis ilusión aínda”.
A Deputación de Pontevedra investiu no concello de Mondariz máis de 5 millóns de euros durante o pasado mandato 2015-2019. Con cargo á Liña 1 do Plan Concellos financiou un total de 42 obras por máis de un millón de euros. Ademais, ao abeiro da liña 3, de Emprego, Mondariz contratou a un total de 67 persoas desempregadas para traballar no Concello.