Con motivo da inauguración desta zona, preto de 100 autocaravanas procedentes de todos os puntos de Galicia daránse cita en Mondariz, convocados pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), e para os que o concello mondaricense ten preparado un completo programa de actividades.
As 13 horas está prevista a recepción dos participantes na propia área de autocaravanas por parte do alcalde, o seu equipo de goberno, e os deputados provinciais Santos Héctor e Digna Rivas.
As 17 horas, comezarán unha xira por aqueles lugares de interese histórico e patrimonial do municipio como son o Castelo do Sobroso, o Carballo da Armada en Queimadelos, a Ponte de Cernadela e a visita ao Muíño do Cubo, entre outros.
De volta a Mondariz, vistantes, veciños e veciñas poderán gozar dunha actuación musical a cargo da Charanga Sghae.
A importancia da entrada de Mondariz na ruta de autocaravanas e nas guías oficiais desta modalidade de viaxar, é cualificada dende o Goberno local de AporM-PSOE como de “extraordinaria importancia” xa que hai que ter en conta, sinalan, que se trata dun medio de viaxar, facer turismo e coñecer lugares “que cada día conta con máis adeptos e que viaxan, ao longo de todo o ano e a lugares que contan áreas específicamente deseñadas para atender as súas necesidades”.
Da importancia de posuír unha instalación deste tipo, explica o Goberno AporM-PSOE, fala a existencia de innumerables foros e páxinas web “nas que os usuarios intercambian experiencias, valoran ás áreas de autocaravanas pola súa experiencia, recomendan lugares para visitar, tanto polos servizos que ofrece como polo seu interese natural e patrimonial, pola súa gastronomía ou mesmo pola acollida que lles dan as súas xentes”.
O feito de que Mondariz entre no ‘circuíto’ de autocaravanas, non só de España senón de Europa, “é un xeito máis de dar a coñecer o noso municipio e de facelo entrar de cheo nunha modalidade de viaxe que, cada ano, move a miles de viaxeiros por toda Galicia”, asegura o Goberno mondaricense.
Dende ese punto de vista, asegura o goberno de Mondariz, a creación desta área de autocaravanas é “un xeito máis de impulsar a economía local e dinamizar a actividade comercial”. Mondariz, conclúe o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, posúe todo o que un usuario de autocaravana pode buscar, “unha área dotada dos servizos necesarios nun entorno agradable, un bo comercio local onde mercar, unha boa hostalería e un excepcional patrimonio natural, histórico artístico e patrimonial”. Somos dende ese punto de vista, asegura o rexedor municipal “un destino idóneo para os viaxeiros de autocaravanas”.