O máis grave, de non aprobarse os orzamentos na sesión plenaria do sábado, explica o Goberno local de Mondariz, “sería o bloqueo e paralización de 172.000 euros destinados a investimentos reais”, unha cantidade que a lei impide que sexa redistribuída e “que imposibilitaría que o Concello fixera fronte a determinadas obrigas e ao cumprimento de acordos plenarios como podería ser, entre outros, o da posta en marcha da RPT”.
O orzamento para este ano 2016 diminúe en 64.250 euros respecto ao do ano anterior e mantén a partida de persoal cun incremento mínimo dun 0,99% “pouco máis de 10.000 euros” incluíndo nese total o incremento do 1% de suba salarial para os traballadores marcada por Lei, a regularización da situación do servizo de Axuda a Domicilio (9.397,32 €) e a regularización da categoría de tres operarios que desenvolvían labores de oficiais (7.489,29 €).”
O marcado carácter social e de procura do saneamento económico dos orzamentos de AporM-PSOE, fan que se diminúan, en preto de 67.000 euros, os fondos destinados a partidas como Atencións protocolarias e representación, publicidade e propaganda, comunicacións postais e máis de 15.700 euros en concepto de produtividade debido á regularización de operarios a oficiais xa mencionada. A estes aforros hai que engadir máis de 45.000 euros na partida de subministro de enerxía eléctrica para alumeado público debido ás medidas de aforro enerxético adoptadas.
Os orzamentos, por contra, contemplan un incremento en partidas de marcado carácter social e naquelas imprescindibles para o desenvolvemento económico e social de Mondariz. Así increméntase en 8.000 euros a partida destinada a Axudas de Emerxencia Social, que pasará de 10.000 a 18.000 euros neste ano para incrementarse de xeito paulatino en vindeiros orzamentos. Na mesma liña, duplícanse os fondos destinados a programas que teñan como finalidade mellorar a capacidade de inserción laboral dos veciños e veciñas, como cursos, conferencias ou programas de axuda.
Mención aparte merece o incremento da partida destinada a Estudos e Traballos Técnicos que pasará de 30.000 euros a 50.000 euros. O incremento, case que obrigado, ven dado pola necesidade que ten o Concello de realizar proxectos que lle permiten acceder a distintos programas e subvencións, como é o caso do ‘Programa Concellos 2016’, da Deputación Provincial; ou a liña de subvencións á que aínda este ano se pode optar para dinamización do Mercado de Abastos Municipal. “Son programas que obrigan ao Concello a realizar o proxecto previo”, explica o Goberno local. “Se non somos capaces de realizar ditos proxectos, teríamos pechada a porta para acceder a ditos programas e subvencións”.
Algo parecido acontece con partidas que foi preciso crear para poder acceder a liñas de axuda, como é o caso dos 1.000 euros para a biblioteca, e que posibilita que poida entrar na rede de Dinamización de Bibliotecas de Galicia; os 1.000 euros destinados a Dinamización Lingüística, ou os 20.000 euros que custará o Estudo Hidrolóxico do PXOM, (obrigado polo Ministerio de Agricultura) e que corresponde realizalo ao Concello e non á empresa redactora “algo que se sabía dende o inicio da tramitación do PXOM, pero que ata o de agora non se tiña feito”, explica o Goberno local de Mondariz.
Outras tres partidas de nova creación permitirían o cumprimento de tres acordos plenarios adoptados pola Corporación Municipal como os 7.500 euros que se destinan á elaboración dunha RPT; 2.000 euros para o convenio de Protección Civil intermunicipal asinado con outros cinco concellos, e o anticipo de 20.000 euros para a Deputación de Pontevedra.
Finalmente, increméntanse en 5.750 euros os fondos destinados a subvencións “o que permitirá que 11 institucións e asociacións sen fins lucrativos do municipio, reciban a súa primeira axuda da que ata o de agora carecían”. AporM-PSOE, define estes Orzamentos como “austeros e de amplo contido social” que buscan “a estabilidade económica do concello, a axuda aos que máis o precisan, a realización de proxectos para impulsar o futuro de Mondariz e a dignificación dos traballadores e traballadoras municipais”. Son en todo caso, explica o Goberno local, uns orzamentos “que permitirían encarar o futuro con ilusión, optimismo e esperanza”.