O goberno municipal de Mondariz vén de concluír os traballos de restauración de dúas importantes pezas do seu patrimonio cultural: a Cruz da Igrexa e o Cruceiro da Praza Domingo Blanco Lage.
Ambos bens foran derrubados como consecuencia de actos vandálicos durante as festas de verán dos anos 2023 e 2022, respectivamente.
O Concello, despois de valorar os traballos de restauración, reclamou ás persoas responsables que se fixeran cargo dos gastos de restauración. Nun dos casos o goberno municipal recuperou a totalidade do custo, pero noutro unicamente conseguiu o 75% do investimento necesario, xa que o autor dos danos era insolvente e foi a súa familia a que indemnizou ao Concello polo prexuízo ocasionado a un ben público.
Os traballos de rehabilitación foron dirixidos polo mestre canteiro Manuel Sestelo que contou co apoio dun restaurador e dun arqueólogo. Durante o desenvolvemento destes traballos foron restauradas todas as pezas orixinais, e unicamente se recorreu á reintegración puntual con morteiro de cal da mesma cor que a pedra en lugares puntuais nos que os danos causados ao granito eran irrecuperables.
Monumentos con historia
A Cruz da Igrexa foi construída no ano 1956 e ten 3,16 m de altura. Érguese sobre unha serie de chanzos de granito xusto ao lado da igrexa parroquial de Santa Baia de Mondariz e carece de figuración.
Este monumento, que non ten inscricións, foi levantado vinte anos despois do golpe militar de 1936 co obxectivo de exaltar o réxime ditatorial e o seu vínculo coa igrexa católica. Co tempo, esta cruz perdeu esta significación predemocrática e foi asumida socialmente como un símbolo cultural e relixioso máis.
Pola súa parte o Cruceiro da Praza Domingo Blanco Lage foi instalado neste lugar a mediados do século XX procedente da súa localización orixinal, no barrio do Escobeiro, en Mondariz.
Segundo Pilar Bouza, veciña deste barrio de 84 anos de idade, “a cruz repousaba orixinalmente sobre un antigo portal de pedra que daba entrada a un eido e vivenda no lugar de Alén. Cando morreu o seu último propietario sen descendencia, a propiedade foi obxecto dunha poxa pública entre a vecilñanza do Escobeiro, sendo adquirida finalmente polo Concello de Mondariz que a instalou sobre un bloque de pedra ornamental cheo de cavidades naturais”.