Xoán Carlos Montes, que estaba acompañado pola tenente de alcalde, Mónica Peralba, fíxolle chegar a Ánxo Lorenzo a necesidade de que se dote de mobiliario a Biblioteca Pública, de cara a que estea operativa, no máis breve prazo de tempo posible, ao tratase, incidiu o alcalde de Mondariz, «nun equipamento básico para o desenvolvemento cultural do municipio».
Outro dos puntos tratados ao longo da reunión foi o da limpeza da Ponte de Cernadela, un dos elementos patrimoniais destacados do municipio, inventariado no ‘Catálogo de elementos, conxuntos e edificios a conservar’ e polo tanto parte do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, e que nestes momentos está invadido por abundante vexetación que supón un prexuízo, non só dende o punto de vista estético, senón que afecta á propia conservación da Ponte.
Amais da autorización que se precisa para poder desenvolver os traballos de limpeza, o Concello de Mondariz solicitou unha axuda, para levar a cabo a limpeza da Ponte de cara a mellorar a súa conservación utilizando, para iso, ferramentas non agresivas, herbicidas de baixo impacto para o medio natural e, nos lugares nos que sexa preciso, realizar o rexuntado das pezas graníticas, sobre todo na cabeza dos tallamares.
Tamén con referencia á conservación do patrimonio, puxéronse sobre a mesa distintos traballos a realizar na igrexa de Gargamala. En primeiro lugar, o alcalde Xoán Carlos Montes, preguntou sobre a posibilidade de que a Xunta de Galicia enviase un técnico «a fin de valorar a recuperación das pinturas da igrexa, danadas polas filtracións de auga». No mesmo sentido, o rexedor municipal trasladoulle ao secretario xeral de Cultura, a necesidade de estudar un posible derrubo da coñecida como ‘Casa da Obra’, situada a carón da igrexa, de cara a evitar unha clara situación de feismo.
As peticións formuladas polo Concello de Mondariz, que foron recibidas “con grande interese e espírito de colaboración por parte de Anxo Lorenzo” sinalou o rexedor mondaricense, xa foran expostas en xullo do 2015 ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.