A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano e de equipamentos de Mondariz, unha actuación ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación que hoxe visitou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, acompañada polo alcalde, Xosé Emilio Barros, e o deputado provincial Santos Héctor. Como destacou Carmela Silva, esta obra segue os valores “que quere implantar a Deputación de Pontevedra en todos os concellos da provincia, baseados nunha mobilidade segura, en promover que os espazo sexa primordialmente para os peóns, que son a nosa prioridade, e favorecer polo tanto a accesibilidade á vez que se transforma o espazo público”.
No proxecto investiuse un orzamento de preto de 222.500 euros, financiado nun 90% pola Deputación e o restante 10% polo Concello. As obras supoñen a reconfiguración do espazo público no eixo que comunica a Praza de España co edificio do Concello, o Centro de Día, o Centro de Saúde e o Colexio Público Integrado (CPI). Deste xeito, a actuación permitiu reordenar e humanizar este céntrico espazo para garantir a correcta convivencia entre os vehículos e o tránsito peonil, mellorar a seguridade das persoas e, sobre todo, gañar espazo para o desfrute dos veciños e veciñas. As obras desenvolvéronse na contorna formada polas rúas Concepción Arenal, Merouces e avenida Grupo Escolar, nas que se habilitaron plataformas únicas, velocidade máxima de 20 quilómetros por hora, ampliáronse beirarrúas e gañáronse novos espazos reservados aos peóns, así como unha zona de arborado e novo mobiliario urbano. Tamén se reforzou a iluminación e se renovou a sinalización horizontal e vertical.
Carmela Silva destacou tamén que este tipo de actuacións se enmarcan no compromiso do goberno provincial coa Axenda 2030, “que quere transformar os pobos para favorecer os espazos onde a xente poida camiñar, ter unha mobilidade do século XXI e que se poidan poñer en valor espazos patrimoniais tan importantes como temos en toda a provincia”. “Queremos presumir _engadiu_ dunha provincia que sexa a máis avanzada en mobilidade”. Pola súa banda, o alcalde Xosé Emilio Barros, subliñou esta aposta da Deputación pola mobilidade sostible e a mellora dos espazos públicos “ con vistas á seguridade e facilitar que prevaleza o peón por riba do vehículo” . “Desde os concellos _sinalou_ precisamos plans como este para seguir desenvolvendo unha humanización dos espazos e das vilas, que xa hoxe todo o mundo entende e agradece”.
Amais de visitar a extraordinaria mostra de cestería “Tecendo a natureza” co traballo de Enrique Taboas na Praza de Abastos, a presidenta da Deputación e o rexedor municipal repasaron outros proxectos futuros que se están a valorar para a vila, enmarcados tamén no modelo de mobilidade segura e sostible. Neste senso, Carmela Silva destacou a “extraordinaria relación de lealdade institucional e sensibilidade mutua” entre ambas administracións para seguir a desenvolver iniciativas, mentres que Barros amosou a súa confianza de que a Deputación seguirá a marcar “liñas de actuación e acción deste calado”.
Desde a chegada do actual goberno, a Deputación ten investido en Mondariz máis de 6 millóns de euros en obras e proxectos. Este ano, o Plan Concellos destina ao municipio un orzamento de 513.412,18 euros, con doce obras da Liña 1 de Investimentos xa aprobadas. No caso da Liña 3 de Emprego, a institución financia este ano a contratación de 12 traballadores e traballadoras para o concello (113.673,41 euros).