O goberno local de Alternativa por Mondariz (AporM) e PSOE, amosou a súa sorpresa polo feito de que, no Pleno da semana pasada, o Partido Popular e BNG votasen en contra de cubrir legalmente como funcionario unha praza vacante de operario de recollida de lixo e a modificación parcial de funcións a operario de servizos múltiples.
Segundo o goberno, non deixa de ser sorprendente que PP e BNG voten en contra dun acordo que «foi aprobado por todas as forzas sindicais e pola propia Mesa de Negociación o pasado 20 de xaneiro». Se xa é estraño o voto de populares e nacionalistas, non o é menos a adoptada por Mondariz Somos Todos ( MsT ), que logo de ter feito unha exposición «defendendo a antedita funcionarizacion, chegada a hora da votación, optou por absterse».
O Goberno local lamenta non só o feito, grave de por si, que «a oposición sitúese en contra, ou se absteña que para o caso é o mesmo, da creación dun posto de traballo nun concello que ten un alto índice de paro» se non que deixen clara a súa postura «de bloqueo ao Goberno local, antepoñendo os seus intereses partidistas ao ben común dos mondaricenses, que debería ser o seu primeiro obxectivo».
En todo caso, o Goberno local amosou a súa intención de seguir traballando na liña «non só de creación de emprego para o Concello», senón tamén no que faga referencia «a dignificación e mellora das condicións de traballo do persoal municipal» que é, segundo o goberno de AporM e PSOE, «unha das prioridades deste Goberno dende a súa toma de posesión».