“Mond’activate” se desenvolverá os venres nas instalacións do Centro Social, con periodicidade quincenal, comezando neste mes de febreiro e alongándose ata outubro, en horario de 11:00 h a 12:h. Dado que o número de prazas é limitado, será preciso realizar a inscrición previa ou no teléfono 986 656 058 ou no enderezo de correo electrónico omix@concellodemondariz.com.
A proposta é exercitar o cerebro, de cara a mellorar a calidade de vida do participante, a través de obradoiros e actividades tan coñecidas como atractivas. Nesas actividades se traballará na memoria e en todo o relacionado co seu funcionamento como son exercicios de atención, linguaxe o cálculo.
Pero, se manter a mente en forma é importante, non o é menos manter o corpo. Para acadar ese fin, “Mond’activate” propón actividades divertidas como o baile, a ximnasia, os xogos en equipo, percorridos polos arredores de Mondariz… iniciativas, todas elas, que permitirán aos veciños e veciñas que participen manter un estilo de vida activo e saudable e que serán impartidas pola psicóloga e terapeuta ocupacional do Centro de Día de Mondariz.
Dende a súa toma de posesión, o goberno local de Mondariz de AporM-PSOE tivo claro que era preciso integrar as actividades que desenvolvía o Centro de Día, na vida diaria do Concello e que non actuasen “sen ningún tipo de relación nin organización, facendo cada quen as actividades pola súa conta e, polo tanto, desaproveitando recursos”, asegura o Goberno local.
Par darlle a volta a esa situación, o Concello de Mondariz mantén un contacto continuo co Centro de Día de cara a organizar actividades conxuntas. Froito desa colaboración foron os actos desenvolvidos no Día contra a Violencia de Xénero ou no Día das persoas con discapacidade. Amais, os usuarios do Centro de Día tamén participaron na celebración da despedida do ano, desenvolvida ao mediodía do 31 de decembro, xunto cos demais veciños e veciñas da vila.
“Integrar aos usuarios e usuarias deste servizo neste tipo de actividades ou organizar iniciativas como “Mond’activate”, é un xeito máis de lembrarlles que seguen a ser parte activa da vida do seu municipio”, conclúe o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín.