O Concello de Ponteareas informou este sábado de que a Policía Local víuse obrigada a intervir na noite de onte venres en varios locais de hostalaría da localidade diante da aglomeración de clientes, pouco antes da entrada en vigor da orde da Xunta que suspende a actividade hostaleira durante un mes.
«Ducias de persoas concentráronse en varios locais de hostalería superándose os límites de aforo establecidos tanto dentro dos locais coma nas terrazas. Ao mesmo tempo, unha parte dos clientes consumían na vía pública fóra das terrazas, invandindo beirarrúas, o que supón tamén unha infracción. Moitos dos clientes de ditos locais carecían ademais de máscara e non respectaban ningunha distancia de seguridade», sinala o Concello.
A Policía Local obrigou a reducir o aforo e levantou actas de denuncia aos locais infractores por excederse no aforo permitido e servir bebidas a máis persoas das que podían consumir en mesas, favorecendo o consumo na vía pública.
“O nivel de irresponsabilidade de certas persoas é incríble e indignante, nun intre no que no Estado as vítimas por coronavirus xa se contan por centos e os contaxios por miles e con Ponteareas en alerta vermella”, declarou o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, responsable en materia de convivencia cidadá. “Houbo ducias de persoas que se tomaron a tarde noite de onte coma unha festa de fin de ano e despedida. Lamentabelmente algúns locais de hostalería colaboraron con ese comportamento permitindo aglomeracións sen respectar o aforo e servindo bebidas que se consumían na vía pública. É unha vergonza que prexudica a imaxe do resto da hostelaría que cumpre coas restriccións e unha falta de respecto co conxunto da poboación”, afirmou Mera quen agradeceu a colaboración da veciñanza que denunciou os feitos e felicitou á
Policía Local pola súa actuación. Mera adiantou que “estes comportamentos non quedarán impunes e terán as súas consecuencias para os seus responsabeis”. Na actualidade o concello está tramitando ducias de expedientes sancionadores a persoas e locais que incumpriron as normas establecidas desde o inicio da pandemia.