Facer que a mocidade se dea de conta do que está a acontecer na sociedade na que vivimos reivindicando a igualdade e a loita contra as violencias machistas foron os obxectivos da acción de ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’ levada a cabo este xoves en Ponteareas. Nesta ocasión o auditorio Reveriano Soutullo acolleu con motivo do programa da Deputación de Pontevedra unha iniciativa de Estíbaliz Veiga nomeada ‘Recoñecer os golpes que non marcan a pel’.
Á cita acudiron a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e preto de 300 alumnas e alumnos de secundaria pertencentes aos centros educativos CPR Santiago Apóstol e IES Val do Tea acompañados por persoal docente dos mesmos.
Esta foi a cuarta acción levada a cabo no marco da quinta edición do programa, que se iniciou en novembro de 2019 e que xa pasou polos concellos de Vigo, Pontevedra e Lalín. A presentadora, actriz, escritora de guións e pedagoga Estíbaliz Veiga levou a cabo unha proposta interactiva coa mocidade como público obxectivo. En primeiro lugar a artista presentou ‘Golpes’, un monólogo sobre a violencia de xénero baseado en feitos reais co que está a xirar na actualidade, e logo, coa colaboración do público, fixo unha aproximación a través de métodos de interpretación á personaxe na que está baseado. A acción tivo moi boa acollida e na súa segunda parte colleron especial protagonismo ao interactuar coa artista un profesor e unha profesora dos centros educativos participantes así como alumnado dos mesmos.
‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición estase a celebrar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).