Os atropelos nas vilas e cidades prodúcense moitas veces porque os condutores ven tarde como os peóns entran nos pasos sinalizados para cruzar a calzada, ben porque están tapados por outros vehículos estacionados ou polo mobiliario urbano. Por iso, desde hai tempo aconsellase aos municipios a deixar un espazo de seguridade ás beiras. Poucos concellos toman esta medida, pero Ponteareas vén de aplicala para reducir a sinistralidade.
A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera proponse rematar con esta situación para dotar de maior seguridade aos pasos de cebra, asegurando unha franxa mínima de 5 metros libres de atrancos visuais nas rúas con velocidade máxima inferior a 30 km/h. Nas que superan este límite a franxa amplíase ata os 10 metros, como acontece na Avenida de Castelao, onde todos os pasos de peóns contan con ‘cebreado’ de seguridade desde que se renovou a súa sinalización horizontal o pasado ano.
Nas actuacións realizadas recentemente no entorno do Mercado e Biblioteca Municipal habilitáronse ‘cebreados’ de 5 metros tanto nos pasos de peóns existentes como nos de nova creación. Situados antes dos pasos de cebra no sentido de circulación, non está permitido o estacionamento asegurando así a visibilidade das persoas que fan uso do paso de peóns.
Nos traballos executados incluíronse catro pasos de peóns novos, algúns para o acceso a equipamentos públicos tan importantes como a Biblioteca ou o Conservatorio, onde non existían. No mes de setembro actuarase noutras seis rúas, entre elas Carballos, Castañal ou Paseo Matutino e todos os pasos de peóns existentes e novos contarán tamén con esa protección.
A Concellaría explica que esta medida debe respectarse en todo momento e estacionar neles, por pouco tempo que sexa, é unha infracción grave e ademais un comportamento irresponsábel porque pon en risco a integridade e a vida das persoas.
A intención de Tráfico é que antes de xuño do vindeiro ano todos os pasos de peóns da localidade conten con esa protección. Ademais, aproveitando a próxima renovación de todo o alumeado público da vila, que acometerá a concellaría de Vías e Obras que dirixe a edil socialista Chus Garrote, mellorarase a iluminación dos pasos de peóns. A isto engadirase a creación de pasos elevados nas rúas que se reformen e humanicen como forma de asegurar o calmado do tráfico e que se respecten os límites de velocidade.