O Concello de Ponteareas amosou este sábado a súa preocupación polo “alarmante aumento” das infraccións desde que se implantaron as faixas horarias para saír á rúa. A Policía Local, que desde o inicio do estado de alarma levantou 114 actas de denuncia, tramitou nos últimos días máis de 20 propostas de sanción, case unha quinta parte do total.
Entre as intervencións feitas, destaca a interposta contra unha persoa contaxiada e diagnosticada con coronavirus e, polo tanto, obrigada a permanecer en corentena pero que foi interceptada nun control policial. Ademais, o Concello pon o foco nunha media ducia de reincidentes que xa foron denunciados varias veces.
Outros casos déronse con tres adultos que xunto con catro menores celebraban unha festa con bebida e música no parque de San Roque. Tamén foron propostos para sanción dez persoas diferentes que se atopaban na Freixa fóra de horario e acompañados de máis persoas alleas á unidade familiar.
Igualmente, outra persoa tivo que ser reducida e detida tras ser requirida pola Policía Local e darse á fuga pola beira do Tea. Neste caso e noutros a infracción tramitouse como delito e foi obxecto de xuízo nos xulgados de Ponteareas con condena ao infractor. Nun control tamén se detivo a unha persoa con orde de busca e captura que pasou a disposición xudicial.
Menores xogando colectivamente
Segundo informa o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, as denuncias máis habituais refírense a saídas fóra dos horarios autorizados, persoas en grupos, persoas acompañadas por outras alleas á unidade familiar e menores acompañados de dous adultos. Tamén se teñen detectado infraccións nos horarios reservados para os menores nos que se observaron nenos e nenas interactuando e compartindo xogos con moitos outros. Os seus pais ou nais foron denunciados por desentenderse dos seus fillos e fillas e do risco que corren para a súa saúde.
Mera considera preocupante o nivel de incumprimento das normas por unha parte pequena da poboación, pero suficiente para “poñer en serio risco o sacrificio e o esforzo feito por toda a poboación”. “Co seu comportamento incívico, insolidario e inconsciente as persoas infractoras están contribuíndo a que se poida producir un rebrote da epidemia coas consecuencias sanitarias, sociais e económicas que tería”, sinala.
Música nos balcóns
Por outra banda, a Policía Local informa que a emisión de música nos balcóns non se seguirá tolerando pois “unha vez que toda a poboación pode saír á rúa carece de calquera xustificación“. Varias persoas foron denunciadas durante o confinamento por poñer música por tempo prolongado causando molestias á veciñanza.
Diante desta preocupante situación a Policía Local reforzará nos vindeiros días a vixilancia e actuará co máximo rigor para frear as infraccións e protexer á maioría da poboación que cumpre escrupulosamente coas normas de distanciamento e seguridade.