A Policía Local de Ponteareas quixo lembrar este martes á veciñanza que non están permitidos os encontros entre persoas non convivintes en lugares públicos e privados, agás nos supostos permitidos como as reunións de traballo ou actividades educativas. O corpo municipal fai este recordatorio logo de detectar “numerosos incumprimentos” desta restrición en diferentes lugares da vila como os parques públicos, onde pais e nais “interactúan esquecendo as limitacións en vigor”.
“O mesmo acontece en rúas e prazas nas que se observan numerosas persoas non convivintes paseando ou charlando xuntas ou compartindo bancos. A estes casos engádense os corros e grupos que se forman entre persoas que recollen bebidas ou cafés para levar en bares e cafetarías e que os consumen nas inmediacións dos locais incumprindo a normativa en vigor e creando un risco potencial de contaxio. En ocasións compártese espazo para consumir as bebidas e tamén para fumar, o que agrava máis o risco”, indican desde o Concello de Ponteareas.
A Policía Local tamén lembra que non se permiten os encontros en espazos privados de persoas non convivintes. En consecuencia, durante a vixencia destas normas non son posibles os encontros nin as visitas aos domicilios doutras persoas, agás nos casos previstos legalmente por razóns moi xustificadas.
A Policía Local informa que se intensificarán os controis para evitar estas situacións. “As medidas impostas pola Xunta perseguen reducir o elevado número de contaxios de Covid-19 no noso concello e estes comportamentos non axudan a lograr ese obxectivo”, sinala a Policía Local ponteareá, que fai un chamamento á responsabilidade e a cumprir as normas voluntariamente sen necesidade de adoptar medidas coercitivas e sancionadoras.