A Policía Local desenvolveu esta pasada fin de semana un “amplo operativo” de inspección da venda ambulante na feira de Ponteareas, no que se detectou preto dunha trintena de infraccións que foron obxecto da correspondente denuncia.
A Concellería de Bo Goberno que dirixe Roberto Mera é a competente en materia de ocupación da vía pública con actividades como a venda ambulante ou as terrazas de hostalaría. Segundo o edil nacionalista, “as inspeccións pretenden asegurar que a venda ambulante se exerza respectando as normas que a regulan, pois só dese xeito se garante unha competencia leal entre os propios vendedores ambulantes e co comercio local”.
A meirande parte das infraccións, un total de 14, refírense ao incumprimento da obriga de exhibir no posto a tarxeta coa autorización municipal. Esta obriga pretende facilitar o control da venda ambulante evitando a presenza de vendedores non autorizados e que as persoas consumidoras dispoñan tamén da información que identifica ao titular do posto. Os postos que incumpriron esta obriga enfróntanse a unha sanción de entre 50 e 100 euros.
Ademais, a Policía Local detectou sete postos ilegais de venda ambulante, que exercían a actividade sen ningunha clase de autorización municipal. Trátase na meirande parte dos casos de vendedores que, aproveitando a ausencia doutros autorizados, ocupan os seus lugares de maneira irregular. Os responsables foron obrigados a desmontar os postos e ademais foron denunciados.
Por outra banda, abrirase expediente a outros catro postos máis nos que co consentimento dos seus titulares exercían a venda ambulante persoas non autorizadas. Neste caso os infractores enfróntanse a unha sanción de ata 200 euros.
Por último, un vendedor foi denunciado por carecer da máscara e outro por cambiar a situación do seu posto sen autorización.
Roberto Mera adiantou que as inspeccións serán habituais a partires de agora e se ampliarán a outros aspectos como a comprobación de que os vendedores están dados de alta na seguridade social e co pagamento das súas cotas ao día.