A Policía Local de Ponteareas informou este sábado de que se viu obrigada a intervir para pechar comercios e evitar aglomeracións en supermercados. «A Policía está velando polo cumprimento da alerta sanitaria decretada pola Xunta de Galicia e fai un chamamento á poboación para evitar a aglomeración de persoas nos establecementos de alimentación», sinala nun comunicado.
Durante a mañá do sábado os axentes constataron que un grande número de persoas acudiron aos supermercados da localidade «creando un risco para a saúde pública». A Policía Local lembra que estes establecementos están abertos pero a permanencia nos mesmos deber ser «a estritamente necesaria evitándose aglomeracións e controlando que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida para evitar posibeis contaxios».
Desde a Policía engaden que «os supermercados son espazos nos que o contacto masivo con elementos como carriños, produtos ou billetes e moedas incrementan as posibilidades de contaxio».
A Policía Local fixo un chamamento a realizar as compras de forma escalonada durante os vindeiros días e recorda que o goberno xa anunciou que non haberá problemas de desabastecemento.
Control de aforo
Por outra banda, os axentes víronse obrigados durante a mañá do sábado a pechar varios establecementos «abertos indebidamente e a pedir aos responsabeis dos supermercados que controlen o aforo» dos seus establecementos evitando a aglomeración no seu interior «se é preciso co apoio da propia Policía Local».
Por outra banda, a Policía está recibindo chamadas de cidadáns ante a apertura ao público doutros establecementos que prestan servizos como perruquerías. Neste sentido lembran que «o decreto da Xunta só afecta de momento ao comercio retallista e ao catálogo de actividades recreativas (como bares, cafeterías, etc) e que servizos como perruquerías, entidades bancarias, despachos profesionais, etc… non están polo momento incluidos na orde de peche».