Un total de 33 persoas que estaban en desemprego recibiron mil euros cada unha por darse de alta de autónomos creando o seu propio posto de emprego. Ademais, dentro desta liña de subvencións e co obxectivo de contribuír á estabilización do mercado laboral, outorgáronse catro mil euros por conversión de contratos de temporal a indefinido e tamén se subvencionou con trescentos euros un contrato de formación e aprendizaxe e outro con douscentos euros por un contrato de prácticas.
Represas, que é empregado de banca prexubilado, amosou a súa satisfacción por lograr incentivar a creación de emprego en Ponteareas, un dos concellos con maior taxa de desemprego, «a creación de emprego e incentivar a actividade económica é un dos nosos obxectivos prioritarios e cada ano destinaremos máis recursos para acadalo».
O alcalde anuncia que no vindeiro mes abrirá o prazo dunha nova convocatoria por un importe total de 50.000 euros da que se poderán beneficiar tanto os emprendedores a título individual que acceden por primeira vez ao mercado laboral como empresas que queiran contratar novo persoal ou aquelas que vaian mudar a modalidade dos contratos temporais a indefinidos. Terán cobertura tanto os que se xeraron en 2017 como os que se produzan nestes primeiros meses de 2018.