Os feitos ocorreron este venres cando unha patrulla da Policía Local observou como a condutora dun vehículo que circulaba pola rúa Real estaba facendo uso do teléfono móbil de xeito manual polo que trataron de parar o coche con sinais luminosos para identificar a infractora e tramitar a correspondente denuncia.
Malia todo, a muller fixo caso omiso e mesmo estivo a piques de colidir con outro turismo nunha rotonda, polo que os axentes utilizaron tamén os sinais acústicos conseguindo que se detivera pasados uns minutos.
Cando os policías procederon a identificar á condutora observaron que esta baixo os efectos de bebidas alcohólicas polo que lle realizaron a proba regulamentaria, momento no que descubriron o sorprendente resultado de 1,46 mg/l de alcohol por aire espirado.
No que vai de ano xa son máis de seis os atestados instruídos ao xulgado en Ponteareas por un suposto delito contra a seguridade viaria por inxesta de alcohol cunha taxa superior a 0,60 mg/l.
Esta nova denuncia vense a sumar á da semana pasada na que a Policía Local tramitou dilixencias a un condutor en calidade de investigado por un delito contra a seguridade viaria por conducir cunha taxa de alcohol superior a 0,60 mg/l.
Os feitos aconteceron cando unha patrulla da Policía Local observou un vehículo que saía dun aparcamento facendo unhas manobras de xeito irregular polo que procederon a darlle o alto. Os axentes observaron que o home tiña síntomas de estar baixo as influenzas de bebidas alcohólicas polo que se lle realizan as probas correspondentes que ofreceron un resultado cunha cantidade superior a 0,90 mg/l.