O Concello de Ponteareas informa que veñen de comezar as obras de reposición de firme na contorna da praia fluvial da Freixa e campo municipal de fútbol de Pardellas, un tramo que une este espazo de lecer e deportivo co centro urbano do concello. Estas obras están financiadas ao abeiro do programa PIR da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia cunha achega de 47.863,85€.
A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de urbanismo, Silvia Fernández, desprazáronse ata o lugar para supervisar o inicio da obra nun espazo que dá servizo a centos de deportistas, familias e público en xeral que adestra e desfruta dos múltiples eventos deportivos, ademais das veciñas e veciños da contorna que empregan a diario esta estrada. “Esta zona ten un tránsito alto ao ser zona de paso e acceso para as persoas residentes neste barrio pero tamén ten un uso intensivo de todas as familias das escolas deportivas que usan as instalacións do campo municipal de Pardellas e dos e das deportistas que practican fútbol, ciclismo ou atletismo por iso era prioritario actuar neste tramo facéndoo máis cómodo e seguro”.
As instalacións deportivas de Pardellas son utilizadas por arredor de 450 deportistas de distintas modalidades pero tamén polas persoas que preparan exames de oposicións con probas físicas.
Dentro do plan de mellora de viais municipais que o Concello de Ponteareas está a desenvolver asfaltaranse un total de 2.581,60 m2 dende o p.q. 0+474 ó p.q. 0+852, onde é necesario estender unha nova capa de rodadura.
Ademais contémplase a intervención na rede de drenaxes para augas pluviais das zonas a pavimentar contribuíndo, así, á mellora da seguridade viaria no tramo. Esta rede de drenaxes executarase con canles prefabricadas de formigón polímero con rella reforzada, colocación de tapas de fundición para arquetas existentes, analización de tubaxe de polipropileno e arquetas de formigón prefabricadas e sumidoiros da calzada, entre outros elementos. A intervención completarase coa limpeza do firme existente, rego antipolvo e transporte e xestión de escombros, entre outros traballos.