A desconvocatoria do paro foi posíble xa que as negociacións mantidas polas partes dende as 12:00 horas deste venres en dependencias do consistorio ponteareán coa mediación do alcalde remataron cun acordo económico para 2017 que contempla unha suba salarial do 43,75 euros mensuais para cada un dos 20 traballadores/as do servizo, o que supón un incremento do 4,5%, cantidade que inclúe o plus de toxicidade, segundo informou a CIG.
Ademais, os empregados de FCC tamén cobrarán os atrasos pendentes deste ano na nómina do actual mes de decembro, polo que os que teñan xornada completa ingresarán 630 euros a maiores. Ao mesmo tempo, as partes pactaron a consolidación en táboas do incremento salarial establecido no acordo económico de 2016.Segundo explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o acordo, que foi ratificado en asemblea polo cadro de persoal, terá efecto retroactivo dende xaneiro de 2017.
Un novo convenio
Con todo, Pérez quere deixar claro que seguirán a negociar até que o persoal da concesionaria do servizo municipal de recollida do lixo de Ponteareas logre os seus obxectivos, que pasan por aumentar o salario base até os 1.000 euros. A intención dos traballadores é pactar un novo convenio colectivo que recolla esta subida.
Neste senso, o responsáble sindical lembra que a vixencia do actual convenio rematou en 2015, ano no que o persoal convocou varias xornadas de folga tras as que se subscribiron dous acordos económicos que permitiron un incremento salarial de 60 euros. Con todo, os soldos superaban escasamente o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), situándose en 766,37 euros antes do novo incremento acordado este venres.