Dirixida a nenas e nenos de 0 a 6 anos, esta actividade coordinada polo Servizo de Normalización Lingüística do concello de Ponteareas é de balde e forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego.
O vínculo coa lingua nai, co galego, é o fío condutor e o obxectivo das actividades do programa Apego que fomenta o emprego do noso idioma, tan demandado nos últimos tempos a nivel empresarial. Así pois, o domínio do galego é solicitado por moitas multinacionais asentadas en España e con delegacións no veciño país de Portugal e noutros países de fala lusa.
O galego é, por tanto, un idioma vinculante e universal, de doado entendemento co resto do territorio español e portugués.
Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.
Esta iniciativa, posta en marcha en 2015 e nacida no seo da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), é desenvolvida desde os servizos de normalización lingüística de 30 concellos: A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo. O concello de Ponteareas incorporouse o ano pasado.
O obxectivo principal é facilitar a incorporación da lingua propia de Galicia na comunicación familiar cos máis pequenos, mediante diferentes actividades, recursos e materiais. Todas aquelas persoas interesadas en participaren neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.