O edil aclara que “se trata de incumprimentos graves con establecementos que pechan dúas, tres ou catro horas máis tarde do horario legal causando problemas para a convivencia en Ponteareas” e cita como exemplo un local na rúa Vidales Tomé, con licenza de cafetaría e horario de peche máximo en sábados ás tres e media da madrugada e que só en 2019 leva recibidas 23 denuncias porque se mantén aberto incluso até as sete ou oito da mañá.
Mera sinala que os horarios de peche “non son un capricho, veñen establecidos por lei e pretenden asegurar o dereito a descanso da maioría da poboación”. Segundo o concelleiro nacionalista, a maioría dos locais sancionados non respectan o horario de peche, algúns acumulan 40 e 50 denuncias nos últimos dous anos, permiten aos clientes sacar ao exterior a bebida, o que provoca ruídos para os veciños, acumulación de lixo nas beirarrúas e rúas e que a clientela ocupe a calzada creando riscos para a seguridade viaria.
Mera admite que “as sancións non están sendo eficaces porque parece que a algúns lles compensa pagar a sanción e abrir catro horas máis do permitido”. O concelleiro aposta polo entendemento cos titulares das actividades “e que voluntariamente respecten as normas de convivencia”. Se continúan vulnerando os dereitos dos demais adoptaremos as medidas necesarias para poñer fin a estes abusos”, engade.
Ao fío deste asunto, Mera amosouse “sorprendido” ante as manifestacións do presidente dos hostaleiros, Isidoro Pino, quen a pasada semana criticou ao Concello por sancionar a locais por incumprir horarios. O concelleiro salientou que “o 95% da hostalaría en Ponteareas respecta as normas de horarios. Non parece moi acertado que o presidente do sector defenda ao 5% que non as cumpre porque os que abren máis do permitido ademais de causar problemas de convivencia, tamén fan competencia desleal aos que si compren as normas”.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, defendeu o apoio do goberno á hostalaría fronte ás críticas de Pino. “Nestes últimos anos a programación cultural e de ocio nas rúas de Ponteareas foi a mellor da súa historia e iso está beneficiando á hostalaría máis ca nunca. Ademais, por vez primeira o Concello achega 30.000 euros ao ano á Federación de Comercio e Hostalaría para que organicen actividades de promoción do sector. Por iso, culpar ao goberno municipal do peche de bares e cafetarías nos últimos anos e vinculalo aos horarios de actividade está fóra de lugar, máxime cando arrastramos unha crise económica desde hai unha década que explica o fracaso de moitos negocios”.