Ponteareas xa conta cunha rede de reparto a domicilio. A plataforma galega Roombo acaba de desembarcar no municipio cunha ducia de establecementos adheridos e co obxectivo de ofrecer á veciñanza da vila e das parroquias un servizo de entrega a domicilio de calidade dos produtos do comercio local, ao que permitirá mellorar e crecer. A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, explica que “dende o Concello queremos apoiar calquera iniciativa empresarial que axude ao desenvolvemento local, á creación de emprego e a fixación de poboación no rural”.
Roombo Ponteareas nace cun reparto a domicilio encamiñado á restauración, pero xa se está a valorar a inclusión doutros servizos, “como o de carnizaría, froitería ou incluso farmacia, porque iso suporía facilitarlle moito á vida a persoas con dificultade de mobilidade, persoas maiores…”, asegura José González, o responsable da franquicia en Ponteareas. “Queriamos crear unha rede que axudara ao pequeno comercio que non pode dispoñer do seu propio sistema de reparto, un servizo hoxe en día indispensábel”, recalca.
A aplicación móbil, unha idea 100% galega que veu a luz en Verín en pleno confinamento, está dispoñible para calquera dispositivo Android ou iOS. Os ponteareáns poden xa facer as súas encargas en A Tenda, Asador San Cristobal, Bocados, Cervexería La República, Don Kebab, Invernalia, La Carlota, La Tienduca, Pipilota, Pizzería O Castelo e Tapería A Chan. Poden solicitarse comidas e ceas para levar ao momento ou programar pedidos para vindeiras datas.
O que tamén destaca de Roombo Ponteareas é a súa aposta polo emprego local e de calidade, xa que conta con persoal propio e estable. Os repartidores entregarán as compras nun radio de 10 km, polo que se poderá chegar incluso ata Mondariz, Vilasobroso ou Salvaterra.
Aberta a calquera comercio que se queira incorporar e empregar este escaparate, a aplicación nace pensando xa en seguir crecendo. Ademais de ir sumando establecementos, en vindeiras fases porá a disposición dos adheridos un apartado no que teñan a súa propia tenda para venda directa ou un sistema para concertar cita previa.