Grazas a esta achega realizarase unha sinalización interpretativa do xacemento que está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) á altura de bens históricos e patrimoniais de Galicia como a Catedral de Santiago ou Castro de Santa Trega.
O obxectivo é revalorizar o Castro de Troña con paneis dixitais que percorran a súa historia lembrando as primeiras escavacións realizadas nos anos 20 e que permitan ao público obter unha información e coñecementos actualizados sen a necesidade do acompañamento dun guía especializado.
Empregando as novas tecnoloxías calquera visitante poderá obter maior información accedendo a través do teléfono móbil para obter información tanto da parte histórica como arqueolóxica e social.
As actuacións de mellora e revalorización do Castro de Troña, que é un dos valores turísticos máis relevantes de todo o noroeste peninsular, comezarán nas vindeiras semanas unha vez obtido o permiso de Patriomonio, que xa está tramitado.
En concreto, o proxecto contempla crear unha aplicación que permita xeolocalizar o patrimonio arqueolóxico do val do Tea a través dunha ferramenta accesible e dun código Bidi. Este sistema terá a lingua galega como idioma preferente, aínda que a información estará dispoñible en castelán e inglés.
Ademais, actualizarase a información interpretativa existente no xacemento, que se atopa totalmente degradada e obsoleta a causa da mala calidade dos materiais utilizados na súa construción (madeira aglomerada). Para solucionar este severo problema instalaranse dun total de 10 picas interpretativas no xacemento, xusto nos puntos nos que actualmente están instalados os sinais deteriorados.
O goberno de Ponteareas conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Pías, que está a retirar as especies arbóreas invasivas non só para que se poida apreciar mellor o entorno e beleza do Castro de Troña se non ademais para que se poida converter nun miradoiro sobre a ribeira do Tea.