A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o alcalde de Ponteareas Xosé Represas veñen de visitar as obras de transformación da contorna da piscina municipal, do centro deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde que nun prazo de tres meses van configurar un renovado espazo, propio do século XXI, no acceso á vila. A través desta actuación, que conta cun investimento de máis de 400.000 € no marco do Plan DepoRemse, recuperarase o espazo público para as persoas a través dun concepto urbanístico integrador que servirá, tal e como destacou a presidenta, de exemplo e modelo “para transformar a provincia de Pontevedra”.
“Tiña moito interese en ver o inicio desta actuación na que se prima ás/aos peóns, para as/os que temos que recuperar o espazo público que os vehículos fixeron seu no século XX”, destacou Carmela Silva na visita ás obras que están a renovar e transformar unha contorna con equipamentos “tan importantes, relacionados coa saúde e o deporte”. Neste eido, a presidenta gabou a iniciativa por converter ás persoas en protagonistas, porque “axuda a construír cidades e pobos amables, devolvéndolle á xente aquilo que é seu”, con “espazos verdes para o desfrute da veciñanza” e tamén menos contaminantes, ao haber menos vehículos, e máis saudables. Amais Silva incidiu no carácter “modélico” da actuación, que servirá de exemplo a outros concellos “para transformar a provincia de Pontevedra. Esta provincia estase a transformar grazas a unha administración provincial que cre nestes valores e a concellos, como o de Ponteareas, que apostan por modelos respectuosos”.
Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas Xosé Represas destacou que “as obras de reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro Pino suporán a mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos seguindo as liñas de transformación urbana marcadas polo noso goberno dende o ano 2015”. En concreto, o alcalde explicou que os principais obxectivos son “mellorar a calidade de vida da veciñanza deseñando os espazos pór e para as persoas, tal e como formulamos na nosa estratexia de crecemento Ponteareas, habitat saudábel”. Finalmente, Represas agradeceu á Deputación de Pontevedra “o seu apoio ao seleccionar, de entre moitos proxectos, a nosa proposta que amosa que camiñamos na mesma dirección de futuro».
Esta actuación, que comezou este mes de setembro, abrangue unha superficie de máis de 35.000 metros cadrados. En liñas xerais, modernizará un dos accesos a Ponteareas, pola N-120, renovando o espazo público, mellorando a mobilidade peonil, ordenando os distintos tipos de tráfico con criterios de seguridade, e creando un concepto urbanístico integrador. Amais, permitirá á vila gañar tres prazas públicas e un parque axardinado entre a piscina e a rúa Real, fronte ao centro deportivo Álvaro Pino e na zona frontal do centro de saúde. Tamén conectará o espazo coa senda verde do rego da Venda e crearanse áreas peonís, así como de coexistencia de vehículos e persoas.
A Deputación de Pontevedra, dende o 2015, está a realizar investimentos de case 12 millóns de euros en Ponteareas, sendo especialmente significativas as actuacións na rede de estradas provinciais, que ascenden a 2,1 millóns. Por outra banda e a través do Plan Concellos executáronse un total de 60 obras, desenvolvéronse unha trintena de actividades socioculturais e contratáronse a 185 persoas para traballar no concello.