O ‘sendeyak’ volve este verán ao río Tea. Ao abeiro do programa Mocidade Viva, a Concellaría de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó organiza este xoves 22 de xullo (17.00 horas) unha nova edición desta actividade que combina sendeirismo con descenso en kayak ao longo dunha ruta de 3 quilómetros polos bosque autóctonos do Tea, observando todos os seus recursos, e facendo o camiño de volta en kayak vivindo unha experiencia deportiva divertida e diferente. Así, as persoas participantes sairán a pé da praia fluvial da Freiza para realizar a andaina ata a Poza do Barco e regresar dende ese punto navegando.
Trátase dunha novidosa oferta deportiva e lúdica coa que o Concello de Ponteareas busca “promover entre os mozos e mozas hábitos de vida saudábeis ao tempo que se achega ao noso patrimonio natural”. A actividade vai dirixida a rapaces e rapazas maiores de 12 anos, que no caso de ser menores deben ir acompañados dunha persoa adulta. As e os interesados poden xa inscribirse enviando un correo electrónico a mocidadeviva@ponteareas.gal.
O Concello bonifica unha parte do custo da actividade, que terá un prezo final para as persoas participantes de 15 euros e que incluirá todos os materiais necesarios para realizala, así como os seguros necesarios e os monitores que guiarán aos participantes.
O edil anima a todos os mozos e mozas a participar nesta experiencia deportiva que se desenvolverá con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.