O Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas, en funcións de garda, condenou un home, como autor dun delito de desobediencia grave, ao pagamento dunha multa de 600 euros por incumprir “en reiteradas ocasións, a propósito e sen causa xustificada” o confinamento establecido durante a declaración do estado de alarma derivado da crise do COVID-19.
O sospeitoso, que se mostrou conforme coa pena, foi sorprendido por axentes na vía pública os días 18, 19, 27 e 31 de marzo, “sen causa que xustificase a súa presenza fóra do seu domicilio”, polo que foi denunciado administrativamente.
Axentes da Garda Civil descubrírono onte, 4 de abril, ás 21.00 horas, conducindo un vehículo en Mondariz-Balneario. O home recoñeceu que desatendera as indicacións de alto que lle deron mediante sinais acústicos e ópticos e que virou bruscamente en dirección a outra rúa para tratar de eludir o control policial.
En todo momento, segundo a sentenza, mantivo “unha actitude deliberadamente rebelde”. Finalmente, os axentes interceptárono e puxérono a disposición xudicial.