A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a terceira concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego, cunha achega de 2.011.554 euros para trece municipios da provincia. En concreto, esta consignación permitirá a Moaña, Ponteareas, O Rosal, A Guarda, Mondariz Balneario, Pazos de Borbén, Vilaboa, Ponte Caldelas, Caldas, A Illa, Meaño, Vilagarcía e Vilanova contratar un total de 217 traballadoras e traballadores municipais. Esta partida súmase a lanzada nas últimas datas para outras dez vilas.
“Hai moitos servizos en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que poden ser prestados grazas a que a Deputación de Pontevedra pon estes recursos a súa disposición”, destacou este venres a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva. As persoas contratadas dedicaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais e son os propios concellos os que solicitan os postos a cubrir a través destas subvencións.
Deste xeito, coa nova achega da Deputación, Caldas poderá contratar a 9 persoas que realizarán tarefas de mantemento de obras públicas, de limpeza, albanelería, condución de maquinaria, oficiais e auxiliares administrativos/as. Pola súa banda, A Guarda empregará a 14 persoas para conserxería, axudantes de camión de lixo, limpeza, animación cultural e informática; mentres que A Illa contratará a 11 persoas para axuda no fogar e peóns para servizos múltiples. Ademais, Meaño contará con 14 persoas para conserxería, condución de camión de lixo, monitor/a de tempo libre, peóns para obras públicas, albanelería, tarefas forestais e limpeza.
No que se refire ao Concello de Moaña, a achega do Plan Concellos permitirá a contratación de 30 persoas, nas que se inclúen tarefas de limpeza, conserxería, albanelería, peóns para obras públicas, especialistas en medioambiente-forestal, xardinería, carpintería, fontanería e electricidade. En Mondariz Balneario, 10 persoas farán traballos de construción, tarefas forestais e xardinería; mentres que en Pazos de Borbén haberá 13 contratacións de peóns para servizos múltiples. Pola súa banda, Ponte Caldelas empregará a 12 persoas para realizar tarefas de desbroce e mantemento de espazos públicos, e reparación e mantemento de infraestruturas municipais.
En canto a Ponteareas, esta liña de axudas permitirá a contratación de 40 persoas que se encargarán de tarefas clínicas, administración, limpeza, medio ambiente, animación sociocultural, educación infantil, obras e vías públicas, turismo, electricidade, cociña, fontanería, albanelería, e servizos múltiples. No Rosal, 10 persoas farán traballos de limpeza e recollida de lixo, electricidade, axuda no fogar, manexo de maquinaria forestal, e obras. Pola súa banda, Vilaboa contratará a 7 persoas que realizarán tarefas forestais, obras públicas e albanelería. No caso de Vilagarcía de Arousa, un total de 36 persoas serán contratadas para administración, animación deportiva, albanelería, tarefas forestais, pintura, electricidade, carpintería, fontanería, peón soldador/a, conservación de parques urbanos e xardíns, enterrador/a, recollida de animais, mantemento de instalacións deportivas, e condución de retroescavadora. E, por último, o concello de Vilanova empregará a 10 persoas que se ocuparán de tarefas de albanelería, carpintería, turismo, técnicas audiovisuais, limpeza, mantemento de edificios e equipamentos urbanos, e mantemento de xardíns.