O luns darán comezo os traballos de pintado e sinalización de diferentes rúas no entorno do Mercado Municipal de Ponteareas. As actuacións forman parte do plan de reordenación dos espazos peonís e do tráfico nas rúas A Braña, Fernández Vega, Perillana, Esperanza, República Arxentina, Morales Hidalgo, A Estrada, Castiñeira, Virxe da Luz e A Minada.
A realización dos traballos conlevará restricións ao tráfico rodado durante os primeiros días da semana. As actuacións conlevan a ampliación dos espazos para as persoas, a eliminación de dobres sentidos de circulación así como cambios nos itinerarios rodados, a creación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e prazas para motocicletas. Ademais modificarase a parada de autobuses ubicada na rúa Real preto da Fonte da Rúa de Abaixo, coa intención de mellorar a visibilidade na saída desde Ferreiros á N-120.
Para abordar as actuacións a concellaría de Mobilidade e Tráfico e de Vías e Obras estableceron un plan de traballo no que participarán a Policía Local, a brigada de Obras municipais, persoal de Medioambiente e a concesionaria da limpeza viaria, FCC.