O Concello de Ponteareas iniciará accións contra dúas empresas por problemas derivados da execución de obras das que foron adxudicatarias. Por unha banda, respecto os traballos en execución na rúa San Roque, o Goberno local informou de que a compañía incumpriu tanto o primeiro prazo que se lle concedera para rematar os labores -o Nadal- como a prórroga concedida ata o 23 de xaneiro.
Ademais, a firma “abandonou a obra sen xustificación nin comunicación”, motivo polo cal o executivo local abriu o expediente correspondente que derivará en sancións económicas, a reclamación dos danos e prexuízos e mesmo a resolución do contrato, segundo indica a administración local nun comunicado.
A intención do Goberno ponteareán é artellar as medidas legais e contractuais necesarias para que de maneira urxente se retomen as obras e se conclúan. O Concello lembra que esta situación “é responsabilidade exclusiva da empresa adxudicataria” e lamenta os prexuízos que está causando á veciñanza e ao propio consistorio. Con todo, adianta que “se actuará con contundencia no marco da legalidade fronte a calquera empresa que incumpra coas súas obrigas na execución desta ou outras obras”.
No mesmo sentido, abriuse un expediente para determinar as causas dos repetidos afundimentos xurdidos na Avenida de Galicia logo dunhas recentes obras de mellora dos servizos soterrados e do firme. O Goberno municipal quere “depurar as responsabilidades nas que puidera ter incorrido” a firma que levou a cabo o traballo “sen prexuízo de que esta deberá de inmediato reparar os danos e executar correctamente a obra para que non se volvan producir novas incidencias”.