O Concello de Ponteareas advertiu este martes de que a Policía Local controlará a saída de persoas con cans á vía pública logo de detectarse que algúns propietarios de mascotas “as utilizan como escusa para pasear incumprindo as normas do estado de alarma”. A administración lembrou que unicamente se permite circular con mascotas o tempo imprescindible para que realicen as súas necesidades nas proximidades do domicilio e que en ningún caso se pode aproveitar esa posibilidade para circular paseando por diferentes lugares, algúns deles tan afastados como a ribeira do Tea ou o regato da Venda.
En consecuencia, as persoas con animais deberán sacalos no lugar máis próximo ao seu domicilio e por un tempo reducido. A Policía Local comprobará o domicilio da persoa que se atope coa súa mascota en espazos públicos e no caso de que se encontre lonxe da súa residencia existindo lugares máis próximos a ela será sancionada. O mesmo acontecerá se se comproba unha permanencia nun espazo público de forma prolongada máis alá do necesario.
Ademais, ante esta situación os axentes comprobarán que os cans contan co correspondente microchip e vixiarase que os propietarios dos animais recollan os seus excrementos e limpen con auga as zonas onde ouriñan, denunciando calquera infracción ao respecto.
O Concello de Ponteareas avisa de que non permitirá “abusos e comportamentos fraudulentos que constitúen unha falta de respecto para a poboación que está cumprindo escrupulosamente co confinamento e que supoñen un incremento do risco de transmisión do Covid-19 entre a poboación”.