O rexedor local enviou unha comunicación ao xefe de unidade de estradas do Ministerio de Fomento en Pontevedra para trasladarlle a súa disconformidade coa apertura desta conexión sen que as obras estean rematadas coas debidas medidas de seguridade nos enlaces coa EP-4006.
Represas explícalle que “resulta imposible para os peóns transitar con seguridade na estrada provincial na zona do enlace coa autovía xa que non hai beirarrúas”.
Ademais, nese escrito reclama sinalizar “debidamente” este enlace como saída cara o núcleo de Ponteareas pola estrada provincial así como sinalizar Ponteareas na saída de Ourense pois é o principal núcleo de poboación de toda a comarca que non figura na autovía cando incluso no enlace de Moreira é tamén o punto de conexión con Portugal máis próximo á A-52.
Por outro lado, Represas tamén pon a atención na zona que cruza enriba da autovía para acceder ao lugar de A Cheira en San Mateo de Oliveira así como a varias parroquias do concello de Salvaterra.
“A situación creada non ten sentido. Non completaron o proxecto previsto da ponte sobre a autovía e deixan no medio desta estrada local uns valados que estreitan o paso e impiden manobrar axeitadamente aos autobuses e camións. Hai que ter en conta que por esta estrada pasa a diario o transporte escolar. Tal e como deixaron as obras obriga ao autobús a invadir o carril contrario par virar”.
Para o alcalde resulta “sorprendente” que non se empreguen os terreos expropiados para ofrecer un espazo seguro para os viandantes e cumprir así “o mínimo da seguridade peoníl”.