Os orzamentos do Concello de Ponteareas, que entraron en vigor o pasado mes de marzo recollen unha partida de 5.000 euros destinada á protectora de animais de compaña Os Biosbardos. É o segundo ano que se dá este apoio económico á protectora e a intención do goberno, segundo explicou o alcalde, Xosé Represas, é mantela nos vindeiros anos.
Cómpre lembrar que nas últimas semanas Os Biosbardos advertiu das dificultades que provocará a imposibilidade de instalar durante o estado de alarma o posto informativo e de venda de materiais cos que financiaba parte da súa actividade. Neste sentido, Represas salientou que “ninguén pode pensar que a nosa aportación é dabondo para atender todas as necesidades da protectora, por iso fago un chamamento á veciñanza a continuar e intensificar as súas achegas económicas para reforzar o apoio que esta asociación precisa”.
Os Biosbardos dispensa os coidados necesarios e encárgase dos animais mentres non son adoptados, un labor que só é posíbel grazas a dedicación do seu voluntariado, socios e socias e doazóns de particulares.