O Goberno municipal do BNG-PSOE aprobou este luns en Xunta de Goberno a autorización para a creación dun novo parque público de case 3.000 metros cadrados na Avenida Sarmiento Rivera, nunha parcela situada nas proximidades do cuartel da Garda Civil da localidade.
As obras iniciaranse xa a vindeira semana e non terán custo para o Concello de Ponteareas, xa que se trata dunha obriga dos propietarios dos terreos recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder desenvolver o resto da área con usos comerciais. Ademais, unha vez rematado o acondicionamento, os promotores cederán o parque en propiedade a favor do Concello.
Este novo espazo de lecer terá 2.775 m2, zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano como bancos, fontes ou papeleiras, iluminación e zonas de paseo, ademais dun grande estanque con fontes.
Tamén se inclúe nas actuacións a rehabilitación dunha antiga edificación de 160 m2 situada neses terreos e que será destinada a un novo equipamento municipal. Unha parte do arborado será o xa existente no terreo, con exemplares de gran porte e de interese botánico.
O proxecto do parque foi redactado polo promotor coa supervisión do goberno e técnicos municipais. O vindeiro xoves, ás 20:00 horas, o proxecto será presentado á veciñanza nun acto no salón de plenos do Concello.
Unha vez entregado o parque ao Concello, os propietarios dos terreos colindantes prevén desenvolver os seus usos comerciais e obter os permisos para crear un grande equipamento comercial no ámbito da alimentación, que dinamizará esta zona, creando ademais emprego e riqueza.
O proxecto do parque está ligado a outras dúas iniciativas que o goberno local dará a coñecer en detalle nas vindeiras semanas: a humanización do resto da Avenida Sarmiento Rivera dende a rotonda da zona das Pombas até a rotonda situada detrás do Concello e a humanización da rúa Curuxeira que conecta a Avenida Sarmiento Rivera coa rúa Redondela.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “agora comezamos a ver os enormes efectos positivos derivados da aprobación do PXOM, pois Ponteareas contará en breve cun novo parque público sen custo algún para a veciñanza”. Fernández amosouse moi satisfeita porque “estamos convertendo Ponteareas nunha vila fermosa pensada para as persoas, máis saudábel e sostíbel e comprometida na loita contra o cambio climático”.