O Concello de Ponteareas concluíu os traballos de ampliación do aparcadoiro de Granitos de Galicia, que agora oferta un total de 133 prazas de estacionamento. Durante esta semana procedeuse a instalar o peche perimetral metálico do aparcadoiro e ao pintado dos espazos para aparcar e as zonas de circulación.
O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, informou tamén da adxudicación dos traballos de acondicionamento do solar situado na rúa Sarmiento Rivera, fronte ao cuartel da Garda Civil. “Nos vindeiros días darán inicio os traballos que se prolongarán varias semanas. Neste caso, prevese que o novo aparcadoiro poda acoller unha cifra superior aos 200 vehículos”. Ademais, a vindeira semana abrirase tamén o novo aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda na esquina con Rúa Redondela, que conta con 33 prazas.
Roberto Mera salientou que “con estas actuacións avanzamos cara un modelo de vila no que se ofrecen amplos aparcadoiros céntricos dende os que en poucos minutos camiñando se pode chegar a calquera lugar”. O edil lembrou que “a nosa intención é reducir o tránsito de vehículos no centro e incrementar as zonas para camiñar e pasear, mellorando a calidade de vida, reducindo a contaminación acústica e atmosférica e facendo máis atractivo o entorno comercial da vila. Para isto son fundamentais os aparcadoiros coma o de Granitos de Galicia, Sarmiento Rivera ou Alexandre Bóveda”, con estas accións, ademais, avánzase nalgúns dos compromisos adquiridos no Pacto polo Clima e trabállase no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS 2030).
Por outra banda, e tamén con respecto ao estacionamento, Mera sinalou que na vindeira semana concluirán os traballos de soterramento da rede de calor e se recuperarán os aparcamentos da Avenida de Galicia e Carballos afectados polas obras.