A Policía Local, a través de dúas patrullas, desenvolveu a pasada fin de semana un dispositivo especial de control de locais de ocio nocturno, terrazas, botellóns e uso de máscaras ademais de realizar controis de alcoholemia e drogas.
Segundo informa o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, responsable das políticas de convivencia cidadá, co dispositivo “asegurouse” o cumprimento dos horarios das terrazas e impedíronse os botellóns e aglomeracións de persoas no espazo público para o consumo de alcol, que se viñan producindo en fins de semana anteriores.
A Policía Local ademais inspeccionou oito locais de ocio nocturno que foron denunciados por numerosas infraccións: carecer de información sobre o aforo do local, non ter permiso para instalar terrazas ou excederse no seu horario de peche, permitir fumar no interior, dispoñer de equipos de amplificación prohibidos xerando ruídos ou contar con extintores caducados.
Respecto ás normas impostas pola crise sanitaria actual, o concelleiro de Bo Goberno lembrou que a Xunta prohibiu o consumo de alcol nos espazos públicos agás terrazas e que a máscara é de uso obrigatorio correctamente colocada. “Non levar a máscara ou levala na man, no queixo ou no cóbado será obxecto de denuncia e sanción. Non imos permitir que se poña en risco a saúde pública nun intre no que están a xurdir numerosos contaxios de Covid-19, moitos vencellados ao ocio nocturno pola falta de cumprimento destas normas básicas”, lembrou Mera quen anunciou que o control policial especial se manterá nas vindeiras fins de semanas.
Na actualidade existen varios locais con numerosos expedientes incoados por incumprimento reiterado dos horarios de peche. Un deles, situado na parroquia de Arcos, na N-120, foi clausurado recentemente de forma definitiva polo Concello por incumprir horarios en ducias de ocasións. A este sumarase a clausura doutro na vindeira semana.
Mera sinalou que “o Concello, aínda coa limitación de persoal que sofre actualmente a Policía Local, vai velar polo cumprimento das normas sanitarias e de convivencia”. “Os incumprimentos de horarios dunha actividade molesta como as terrazas na vía pública será obxecto de denuncia e sanción para protexer o dereito ao descanso da veciñanza. O mesmo se fará cos locais que dispondo de licenza que só os habilita a dispor de televisión ou radio empregan ilegalmente equipos de amplificación xerando ruídos molestos”, engadiu.