A lexislación forestal de Galicia encomenda ás entidades locais a elaboración dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. Do mesmo xeito, encomenda ás entidades locais a xestión das Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e a xestión das Redes terciarias de faixas de xestión de biomasa de camiños e infraestruturas da súa titularidade.
Por este motivo, na actualidade estase traballando no inventario previo e no estudo da rede de defensa contra incendios forestais do municipio. Os obxectivos fundamentais destes traballos previos pasan por delimitar a rede de defensa contra incendios do termo municipal de Ponteareas, inventariar e catalogar as infraestruturas de uso forestal existente no termo municipal e identificar as referencias catastrais afectadas pola rede secundaria de faixas de xestión de biomasa.
Para a elaboración deste traballo contarase con participación pública recollendo as aportacións de diferentes entidades en sendas reunións participativas que o goberno local ten planificado desenvolver nos vindeiros meses e que suporán un inventario o máis exhaustivo posible para a elaboración de propostas de mellora acordes ás necesidades da cidadanía e aos intereses xerais da mesma.
Con esta planificación o Alcalde de Ponteaereas, Xosé Represas, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, dan cumprimento ao prometido ás Comunidades de Montes e veciñanza.
“É imprescindible traballar da man dos colectivos veciñais,Comunidades de Montes e veciños para planificar os traballos de defensa contra os icendios forestais e o patrimonio natural”.
Ponteareas comeza así, unha iniciativa case pioneira ao tratarse dun documento moito máis amplo e participativo dos realizados ata agora por algunhas administracións locais.