O concelleiro de Mobilidade e Tráfico de Ponteareas, Roberto Mera, anunciou este mércores que o Concello dotará de semáforo e paso de peóns a N-120 no IES O Barral neste ano 2020. A nova prodúcese logo de que o Ministerio de Fomento decidira autorizar esta actuación xunto co acondicionamento dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada e a iluminación nos accesos exteriores ao centro.
Esta mellora era unha das principais demandas da comunidade educativa para paliar os graves problemas de seguridade que presenta o actual acceso ao instituto. Con esta futura obra completaranse os traballos de mobilidade realizados no entorno do IES nos últimos meses.
Eses labores consistiron na ordenación do espazo de aparcamento de dez autobuses, accesos peonís e circulación de vehículos, o acondicionamento da zona de aparcamento do persoal do instituto, habilitándose 40 prazas, así como a creación dun percorrido en sentido único con máis de 20 prazas de aparcamento para entrada e saída de vehículos de pais e nais.
Segundo Mera “estas medidas, unidas á presenza diaria da Policía Local, reduciron de forma considerábel a situación caótica e perigosa anterior, con coches estacionados na N-120, nenos e nenas cruzando a estrada sen control, etc”.
O concelleiro lembrou que “os problemas de mobilidade e seguridade no IES O Barral débense á falta de planificación dos gobernos do PP cando se construíu o instituto sen crear uns accesos axeitados e sen contar co PXOM onde se prevé o acceso definitivo por unha nova vía”.