O Concello de Ponteareas vén de retirar unha vertedura incontrolada preto do Castro de Troña, un punto no que se detectou a acumulación de residuos sólidos de distinta natureza , co conseguinte prexuízo que causa tanto á propia veciñanza como para a contorna dende o punto de vista ambiental.
A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembra que este tipo de actitudes incívicas “amosan a falta de respecto” cara ao resto de ponteareás e ponteareáns e que existe un servizo de recollida de todo tipo de lixo e utensilios totalmente de balde chamando ao número de teléfono do punto limpo 986 640 307. Neste caso, indicaráselle día e horario para proceder a depositar os diferentes elementos para que a empresa pase a recollelos coa maior rapidez posible.
A normativa de residuos contempla sancións elevadas xa que se considera unha infracción moi grave o abandono, incluído lixo disperso, a vertedura e a xestión incontrolada de calquera tipo de residuos, xa que pode supoñer un perigo grave para a saúde das persoas ou producirse un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou espazos protexidos.
“Xestionar os residuos de forma eficiente permítenos evitar danos á fauna e á flora, así como ao patrimonio arqueolóxico”, recalca a edil.