Tras a peonalización dos sábados e festivos iniciada a pasada semana, o Concello de Ponteareas dá un paso máis e adopta novas medidas de apoio á mobilidade peonil para garantir o distanciamento social na crise sanitaria. O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, lembra que “a rede peonil de Ponteareas é raquítica, xa que ocupa só o 28% do espazo público fronte ao 72% que acapara o vehículo a motor”. Por iso, o Goberno local, que tiña como obxectivo prioritario cambiar esta situación, vese agora “obrigado” a adiantar medidas previstas para os vindeiros anos.
A partir do luns, as vías municipais do centro urbano serán consideradas rúas residenciais. Esta declaración provoca a limitación da velocidade dos vehículos a motor a 20 quilómetros por hora. Ademais, os condutores deberán conceder prioridade aos peóns e estes poderán utilizar a zona de circulación aínda que non deben estorbar innecesariamente aos vehículos. Os coches e motos poderán continuar estacionando nos lugares habilitados como aparcamento, agás nas zonas que se ampliarán para o tránsito peonil.
Complementando esta medida, establécese ademais que os peóns deberán camiñar pola beirarrúa da súa dereita. En consecuencia, a maioría das beirarrúas de Ponteareas serán de sentido único, pero os peóns poderán en calquera punto da calzada cambiar o seu sentido de circulación ou acceder a edificios ou establecementos situados no lado oposto. “Recomendamos que se o traxecto non é moi longo, se atravese nos pasos de peóns, pero os viandantes poderán acceder á calzada en calquera punto con coidado e os condutores deberán circular a 20 quilómetros por hora extremando as precaucións e respectando a preferencia dos peóns”, sinala Mera.
Dúas vías quedan excluídas desta regulación. Por unha banda, a N-120, de titularidade estatal e, por outra, a Avenida de Castelao, de titularidade autonómica. Nesta rúa non haberá preferencia peonil na calzada pero a anchura das beirarrúas permite a circulación con seguridade nos dous sentidos. Con todo, o Goberno local recomenda facelo pola dereita. O Concello solicitou esta semana á Xunta reducir a velocidade máxima de 50 a 30 quilómetros por hora tal e como prevé o Plan de Mobilidade recentemente entregado ao Concello así como o sobreelevado de todos os pasos de peóns para o calmado da circulación.
As vías de plataforma única como Oriente, Esperanza, Enrique Troncoso ou Rogelio Groba manterán o seu carácter peonil.
O concelleiro sinalou que nos vindeiros días instalarase a sinalización tanto vertical como horizontal que recolle a nova regulación. Ademais, engadiu que “estamos revisando todos os itinerarios peonís para que teñan continuidade. Onde non hai beirarrúas ou son escasas estamos creando pasos peonís delimitados”. É o caso de tramos de Emilio Rodríguez, Amado Garra, Rúa Redondela, Concha Brey, Carballos, Castañal, Paseo Matutino, Constitución ou Castiñeira, entre outros, onde se están comezando a delimitar espazos para o paso de peóns e zonas de estancia para as quendas dos establecementos. A medida de coexistencia entre peóns e vehículos implicará o mantemento da meirande parte das prazas de aparcamento.
Máis medidas futuras
Mera adiantou que as seguintes fases de actuación a implantar progresivamente nos vindeiros meses irán referidos a dar seguridade a todos os pasos de peóns, crear novos aparcamentos periféricos e reordenar os sentidos de circulación de diferentes rúas. No primeiro caso os pasos de peóns disporán, como marca a normativa, de 10 metros libres de atrancos visuais como colectores ou coches estacionados. Respecto aos aparcamentos periféricos prevese ao longo do ano a creación dun novo aparcamento con varios centos de prazas e a ampliación do de Granitos de Galicia.
E en canto aos sentidos de circulación reordenaranse de acordo co previsto no Plan de Mobilidade para gañar espazo a favor dos peóns e evitar o chamado tráfico de axitación, vehículos que en lugar de estacionar nos aparcamentos exteriores entran no centro e dan voltas de forma continua.