O Concello de Ponteareas rematou os traballos de acondicionamento do parque forestal San Cibrán-Os Muíños de Couso desenvolvidos en colaboración coas comunidades de montes en man común de Couso e de Guláns. Trátase dun espazo de preto de 165 hectáreas que permite acoller multitude de actividades culturais, deportivas e recreativas.
Os primeiros pasos que se deron foron accións de defensa de incendios creando redes de faixas de xestión de biomasa tanto nas vías e camiños forestais como no camiño tradicional do Santo ou na contorna do sendeiro PGR 132 Muiños de Couso.
Tras os incendios de outubro de 2017, momento tamén no que se comezaba co proxecto, quedou patente a necesidade de protexer do lume estas áreas de patrimonio natural, polo que os traballos de creación do parque tamén incluiron cortalumes, rozas, plantación de frondosas e retirada de pés de eucalipto e acacia negra existentes na zona, entre outras tarefas.
Un bosque máis san
As rozas, a poda, a trituración dos restos de corta e a creación de faixas non só reducen a propagación do lume tanto nas copas como no pé, ademais atenúan o risco de desenvolvemento de patóxenos e enfermidades, melloran o aspecto sanitario da masa e crean áreas de grande riqueza medioambiental como a área de frondosas que cumpre unha importante función ecolóxica que propicia creación dun corredor para a fauna e logra unha área de descontinuidade con respecto ás masas forestais contiguas que frean o lume.
Pero, ademais, esta área de frondosas xera un espazo de interese social que permite o acceso a San Cibrán ou o paseo polos muíños, ademais de configurar un pequeno outeiro que permite a creación dunha futura área de recreo e doado punto de encontro para as familias.
Financiado no marco da subvención destinada a melloras dos montes mediante creación de parques forestais da Deputación de Pontevedra, que aportou 28.535 euros do custe total de 35.072 euros, o parque forestal San Cibrán-Os Muíños de Couso será unha zona de goce da natureza.
O goberno de Ponteareas ten en marcha na actualidade outros dous parques forestais que atinxen, xunto ao de San Cibrán-Muíños de Couso, a unha superficie de 500 hectáreas: A Picaraña e Seixifornia-Viveiro.