A Academia Galega de Seguridade informou ao Concello de Ponteareas do inicio dos trámites para seleccionar durante os vindeiros meses a cinco novos axentes e un oficial no marco das prazas ofertadas pola administración municipal na oferta pública de emprego dos anos 2019 e 2020.
Por outra banda, esta semana tomaron posesión tres novos axentes e o oficial que superaron nos últimos meses o seu período de prácticas. Deste xeito, o cadro de persoal da Policía Local está formado actualmente por un oficial e once axentes aos que se unen cinco auxiliares temporais. Tan só un axente está actualmente de baixa laboral. Cos procesos de selección en marcha, o cadro de persoal da policía acadará entre o ano 2021 e 2022 os dezaoito efectivos, sen contar auxiliares temporais.
Ao inicio do actual mandato, en xuño de 2019, a Policía Local contaba unicamente cun oficial en prácticas e sete axentes dos que tres se atopaban de baixa laboral. Deste xeito o Concello só contaba con cinco efectivos dispoñibles. Un ano e medio despois os axentes activos na Policía Local duplicáronse.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, amosáronse satisfeitos con estes datos “pois nos permiten avanzar no reforzamento da Policía Local”. Ademais salientaron o esforzo e dedicación do oficial e dos axentes e auxiliares, que permitiu manter todas as quendas, incluída a de noite, mentres outros concellos da entidade de Ponteareas se viron obrigados nos últimos tempos a suprimilos.
Represas e Mera pediron á veciñanza “confianza e apoio a unha Policía Local cada vez máis profesionalizada e eficaz no seu labor de garantir a mobilidade, a seguridade cidadá e a convivencia”.