Concretamente, a liquidación da débeda contraída coa Seguridade Social ascendía a 44.565,55 euros, unha contía que se suma á de 512.676,87 euros pagada en 2017. Ademais, o capital pendente coa Sociedad General de Autores era de 47.898,35 euros.
Xunto a este pagos, fixéronse outros como o de Eléctrica Sestelo, que supuxo un desembolso total en 2017 de 867.404,40 euros. Tamén a finais do ano pasado se puxo fin á débeda con Construcciones Crespo por valor de 297.044,61 euros, dos que máis de 40.000 euros eran intereses demora.
Facendo fronte ás sentenzas condenatorias e aos intereses, o goberno local considera que así consegue “sanear a economía e poñer fin a gran parte das cargas herdadas”.
“No momento que asumimos o goberno municipal, en xuño de 2015, a situación económica era grave e ademais durante os seguintes meses recibimos varias condenas e sancións que limitaron moitísimo o marxe de actuación, obrigando a destinar boa parte dos recursos a pagar as débedas históricas dos gobernos do PP”, afirmou o concelleiro de Facenda, Francisco Floreal Alonso.