Segundo comunicou o consistorio, o logro acadouse mediante un plan de aforro “efectivo e útil” e un gasto “austero”, que ao seu xuízo supón un antes e un despois en Ponteareas, unha vila moi marcada polos problemas económicos do seu Concello e unha agudizada débeda.
Deste xeito, a administración local ten liquidez para facer fronte aos gastos correntes e emprender novos proxectos. “Grazas ao esforzo conxunto de todos, veciñanza e equipo de goberno, podemos celebrar un feito histórico para a etapa da democracia en Ponteareas. A cifra positiva do terceiro trimestre do ano reflexa o traballo realizado para mellorar o futuro da cidade. Agora toca pechar o último trimestre do ano que agardamos reflexe unha cifra similar e poder volver comunicarlle ao veciños esta boa nova”, explica o alcalde, Xosé Represas.
O Goberno local lembra que segundo os datos oficiais da contabilidade municipal o remanente negativo, o déficit, incrementouse en dez millóns de euros entre 2005 e 2010, “gastábase mais do que se ingresaba, dous millóns máis cada ano, sen importar cando se pagaría”, afirmou o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso.
“Sen dúbida, agora é palpable o cambio de tendencia. Ata agora o Concello tiña que facer fronte ao pago de débedas sen ter liquidez, asfixiados polos números pendentes de pago. A partir de agora ninguén agardará anos para cobrar facturas de traballos para o concello”. En 2015 o remanente negativo era de máis de cinco millóns de euros.