O Concello de Ponteareas anunciou este venres que xa prepara diferentes medidas para garantir a mobilidade segura das persoas durante a crise sanitaria. Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera,“Ponteareas ten unha rede peonil raquítica. O espazo público para as persoas representa o 28% fronte ao 72% que ocupan os vehículos. A maioría das beirarrúas, onde existen, son moi estreitas e non permiten cumprir as normas de distanciamento social e seguridade nos desprazamentos”.
Para adaptarse á nova situación, a Concelleria de Mobilidade e Tráfico está deseñando un conxunto de medidas que se implementarán gradualmente nos vindeiros días e semanas e que buscan dar seguridade ás persoas que agora en maior número poderán sair á rúa. A primeira consistirá na peonalización do centro urbano os sábados, domingos e festivos, entre as 9:00 e as 23:00 horas, permitindo o acceso en vehículo a residentes e servizos.
Para o resto dos días o goberno estuda converter todo o centro urbano en zona limitada a 20 Km/h con prioridade na calzada para os peóns que poderán usala e atravesala en calquera lugar. Deste xeito valórase establecer o sentido único de circulación nas beirarrúas inferiores aos tres metros de anchura.
Os peóns, ao ter preferencia na calzada, poderían cruzar á beirarrúa oposta en calquera punto sen necesidade de dar rodeos cambiando así o sentido de circulación ou acceder a portais ou establecementos.
Ademais Mera explicou que o goberno vai crear espazos seguros nos establecementos públicos e privados con afluencia de xente que agarda quenda no exterior. Para iso habilitaranse zonas de estancia peonil nos espazos de aparcamento.