Este plan de mobilidade sustentable, de feito, marcará as directrices para investir os 5 millóns de euros de fondos europeos obtidos polo Concello no programa Edusi.
“Este estudo pretende dar unha visión global, estratéxica, e a longo prazo da mobilidade en Ponteareas e marcará as pautas de actuacións concretas, priorizándoas para deseñar espazos públicos funcionais e de convivencia. Será o deseño do futuro do Concello”, explicou Benítez.
O deputado asegurou que os espazos públicos deben entenderse “como o noso hábitat” e ser recuperados para uso das persoas e, fundamentalmente, para os colectivos vulnerables como os nenos e nenas, ciclistas ou discapacitados. “A Axenda 2020 da UE aposta por esa vía : por deseñar a mobilidade de xeito máis sustentable, por fomentar as mobilidades peonís e ciclistas por riba do vehículo privado”, dixo, para aclarar que o Estudo de Mobilidade da Deputación marcará as pautas sobre futuras direccións de rúas, peatonalizacións, deseño de bolsas de estacionamento e actuacións de reforma urbana, entre outras cuestións.
“Non se deben tomar decisións sen ter unha visión global das necesidades tanto dos veciños e veciñas que viven no centro como daqueles que chegan das parroquias”, destacou.
O Estudo de Mobilidade será elaborado por un equipo multidisciplinar de técnicos (arquitectos, enxeñeiros e sociólogos) que realizarán un traballo de campo: estudarán os desprazamentos peonís e motorizados mediante conteos e analizarán os núcleos de centralidade e os equipamentos que xeran os principais movementos. A partir de aí buscarase a complicidade de todos os axentes sociais e grupos políticos, cos que se manterán reunións periódicas, para chegar a un traballo consensuado sobre as diferentes necesidades. A intención é acadar un apoio social e político maioritario para que o Estudo de Mobilidade sexa aprobado en pleno “se pode ser con unanimidade para que non quede no caixón”, destacou Benítez.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, sinalou, pola súa banda, que “somos conscientes de que o espazo público está conformado por moitos intereses que hai que conciliar, polo que hai que ter en conta as necesidades dos servizos, do comercio, e dos veciños de dentro e fóra do núcleo para deseñar unha accesibilidade que sexa axeitada para todos”.
No centro de Ponteareas hai uns 12.000 veciños e veciñas e outros 10.000 fóra, lembrou Represas, polo que é fundamental “ver como utilizamos e deseñamos os espazos o mellor posible con este estudo, que é rigoroso e feito por técnicos e que nos vai poñer os datos enriba da mesa”, salientou.
Finalmente, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez destacou que a Deputación de Pontevedra, ao financiar estudos de mobilidade aos concellos da provincia está a desenvolver unha filosofía que aposta pola mobilidade sustentable. “Parte da nosa estratexia é ofrecer o asesoramento aos concellos, por iso poñemos os nosos medios técnicos ao seu servizo. Hoxe comezamos a redacción deste novo estudo en Ponteareas para poñer ás persoas por riba de todo”, subliñou.
Como exemplo das políticas da nova Deputación, Benítez lembrou o traballo que se está a facer para crear una rede de cidades amigas dos nenos e nenas na provincia seguindo o modelo de Francesco Tonucci. Destacou que Ponteareas xa está adherida a esa rede e insistiu na necesidade de seguir traballando para recuperar as rúas para os pequenos e pequenas: “temos que crear espazos seguros de convivencia, aumentar a seguranza viaria e crear camiños escolares para que os nenos poidan ir sos camiñando ao colexio, porque os nenos están a ser os grandes abandonados ao deseñar os espazos públicos. Temos que conseguir que os nenos poidan xogar na rúa seguros, e esa será unha demostración de que se está a traballar ben”.
Na presentación do Estudo de Mobilidade da Deputación provincial estiveron presentes o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, xunto co alcalde Xosé Represas e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote. Ao acto estaban convidados todos os grupos municipais, que aclararon algunhas dúbidas sobre o traballo. En vindeiras datas o equipo redactor do estudo, o mesmo que elaborou a proposta que obtivo os fondos Edusi, establecerá un cronograma de reunións tanto cos membros da Corporación como con colectivos sociais.